liberticidio (a little bit)
Unha parte da fama que ten obtido Rawls débese ás posibilidades que
ofrece a súa teoría do veo da ignorancia. Mediante ela é posible
xustificar políticas redistributivas. Nunha espléndida palestra
retrúcalle Zizek ao argumento rawlsiano que a lóxica da envexa e o
resentimento impide a aplicación práctica do veo. Mais iso pode ser
certo no caso da caridade ou os donativos nominativos, non ten por
que selo no caso dos impostos. Quero chamar primeiro a atención que
o resentimento é un sentimento moral que depende do instrumento
empregado: cando o suxeito caritativo dá é o receptor da caridade o
que pode sentirse resentido; cando o suxeito impoñible é gravado
pode sentir tamén resentimento. No primeiro caso os destinatarios do
resentimento son os doantes, no segundo adoita ser o Estado ou os
receptores de axuda (inmigrantes, parasitos sociais, etc).
Cando os impostos están ben deseñados, non gravando
desproporcionadamente, explicándoselle aos suxeitos o destino dos
cartos, habendo unha accountability, non ten por que darse
resentimento na parte gravada. Ademais, se o Estado o que fai con
eses cartos é dotar de universalidade no acceso á sanidade e á
educación (por poñer dous exemplos clásicos) esa dotación non se
percibe como caridade, senón como a garantía dun dereito, unha
forma de recoñecer o carácter de persoas nacidas iguais aos
usufructuarios deses servizos. Esta forma de integración non ten só
beneficios económicos e sociais senón que recoñece á persoa en
tanto que tal, con nome e apelidos, como titular de dereitos. Así,
formar parte dun colectivo significa que es merecente de atención e
coidado.
Resulta máis difícil xustificar a redistribución en base ao
reparto a colectivos concretos e para fins específicas, como a
comida ou a vivenda. É o que sucede coa vivenda, o alimento ou as
axudas a colectivos marxinados: son rendas que acaban sendo
percibidas por colectivos estigmatizados e marxinados como as nais
solteiras, os inmigrantes, os xitanos ou os drogadictos. Resulta
doado nestas circunstancias que os suxeitos gravados acaben
resentidos: o seu traballo sirve para que vagos, xitanos e musulmáns
vivan á súa costa. Non sei ata que punto a idea dunha renda básica
podería escapar a esta lóxica da envexa e o resentimento. É
posible que este tipo de cousas dependese moito do seu tratamento
mediático. Os impostos teñen a vantaxe de ser un mecanismo.
Os impostos sobre a renda son máis dificilmente defendibles para os
políticos que os indirectos, sobre o consumo, malia ser máis
xustos.
A posibilidade de aplicar con éxito a idea do veo da ignorancia está
no deseño dos mecanismos que busquen aplicala. O resentimento e a
envexa non están inevitablemente asociadas á redistribución da
renda. A caridade tamén pode funcionar mais, do mesmo xeito, precisa
de ferramentas e institucións despersonalizadoras. Que quen recibe a
caridade poida sentir que a axuda non implica a súa condición
inferior senón, pola contra, que é digno de axuda pola súa
condición de persoa.
Comentarios
Publicar un comentario