mercado e arquitectura pública
Os uso de
información privada por compañías tecnolóxicas adoita enfocarse
como unha cuestión de dereitos individuais, e así é. Máis é
tamén, e a min prodúceme unha maior vertixe, a dimensión
ontolóxica do asunto.
Existe un modelo de
David Laibson, A
Cue Theory of Consumption, sobre estrutura de mercado, estímulos
aditivos, e condicionamento condutual. Amosa ata que punto podemos
devir radicalmente outros en función da estrutura dos incentivos que
nos arrodean.
Está despois a
charla de Zeynep Tufekci, programadora de orixe turca que ten devido
en socióloga. Zeynep defende moi convincentemente que existe un
conflito entre uso privado de algoritmos de condicionamento
condutual, o poder que outorgan a quen os usa para condicionar a
conduta de millóns de persoas e os seus efectos políticos. De
feito, algo diso hai no hackeo ruso das últimas eleccións nos EUA.
Dende unha perspectiva económica poderiamos dicir que eses
algoritmos afectan de xeito desproporcionado ás preferencias dos
consumidores.
A maioría dos
algoritmos están programados para condicionar o volume e o prezo dos
contratos realizados. Poden detectar, por exemplo, os momentos nos
que unha persoa está en fase maníaca (todos temos algo de
bipolares), ou ebria, para venderlle nese momento algo que noutras
circunstancias non comprariamos.
Ela di que hai que
facelos públicos para poder discutir sobre eles, mais a min a mera
publicidade seméllame insuficiente ante a complexidade no
funcionamento deses algoritmos. Os propios mercados, defende
Mirowski, son algoritmos para a solución dun conflito de intereses
entre compradores e vendedores; algoritmos ligados os uns aos outros
nunha complexa rede. Así, os mercados de poxa se sitúan ao
principio da cadea, como sucede nas lonxas de peixe e carne. Mais
cando esa carne ou ese peixe chega á praza de abastos o sistema é
outro: os compradores transitan por ese espazo público, camiñando
de posto a posto, observando prezos e calidades. Co paso do tempo
relaciónanse cunha peixeira de confianza que lles fai prezo.
como se constrúe
unha vía pública ao longo da que poidan ser dispostos escaparates
en internet? Como se constrúe unha identidade privada nese mesmo
contexto? Onde están os mercados de poxa e onde as prazas de
abastos? Como se relacionan?
O open access é
utópico dado que en moitas ocasións non é posible entender o que
eses algoritmos están a facer e non podemos recrutar un exército de
vixiantes dos algoritmos. Porén o dominio público de determinados
ámbitos podería ser unha boa cousa: a posibilidade de construír
prazas de abastos on line, portos seguros contra a intrusión dos
algoritmos privativos.
O certo é que
algunha arquitectura pública é precisa.
Comentarios
Publicar un comentario