rencor
Nesta entrada quería eu quitarlle razón ao Zizek. Obxectaba o Zizek que o
resentimento impediría aplicar o criterio da xustiza redistributiva
rawlsiano (o veo da ignorancia): cando sentimos rencor non somos quen
de poñernos no lugar do outro. Para quitarlle a razón a Zizek falei
eloxiosamente dos impostos. Os impostos, cando están ben deseñados
funcionan como mecanismo de redistribución impersoal: entón entra
en funcionamento outro veo que impide que o resentimento se encarne.
E falaba de máis cousas. Mais existen outros mecanismos
despersonalizadores máis importantes que os impostos en economía.
Eses mecanismos actúan a traveso dunha man invisible. Ademais de guiar conduta o interese amansa feras: Cando
a economía funciona o rencor disípase; cando non brota. E que
sucede cando entran en xogo eses potentes motores políticos? Sucede
que son postas en marcha as políticas das identidades: o rencor busca
culpables.
Volvendo
ao interese en As Paixóns e mailos Intereses fala Hirschman
de como a partires dun determinado momento a ocupación das persoas
polo mundano comercio comezou a ser vista como unha actividade
xeradora de bondade. Un dos argumentos que se utilizou para defender
esa bondade da ocupación polo crematístico era que a promoción do
comercio facía aos príncipes menos proclives ao belicismo. O
comercio entre nacións faría máis difícil entrar en guerra; a
calma paixón pola renda afastaría aos príncipes doutras formas de
afirmación persoal.
Efectivamente,
semella que cando o comercio funciona e a actividade mercantil dá
ocupación a calquera a paz reina; cando a economía colapsa buscamos
inimigos aos que dirixir o noso rencor, a nosa mala baba. Mais
podería ser este un relato non pouco mentireiro: a paz do comercio
que esperaban os pensadores ilustrados foi tamén a do tráfico de
escravos, a do xenocidio indíxena alí onde chegaron os imperios
coloniais, a dos nenos traballando en minas de carbón. Foi necesaria
unha reacción moral para conter unha forza cega desatada polo carto:
o interese cega e deshumaniza, constrúe máquinas esmagadoras. Esa
reacción moral falou de igualdade de dereitos, de fraternidade e
máis de igualdade.
Hai
moitos veos da ignorancia: mecanismos despersonalizadores que poden desencadean unha mestura de consecuencias, positivas ou negativas.
Comentarios
Publicar un comentario