lunes, 13 de noviembre de 2017

rencor


Nesta entrada quería eu quitarlle razón ao Zizek. Obxectaba o Zizek que o resentimento impediría aplicar o criterio da xustiza redistributiva rawlsiano (o veo da ignorancia): cando sentimos rencor non somos quen de poñernos no lugar do outro. Para quitarlle a razón a Zizek falei eloxiosamente dos impostos. Os impostos, cando están ben deseñados funcionan como mecanismo de redistribución impersoal: entón entra en funcionamento outro veo que impide que o resentimento se encarne. E falaba de máis cousas. Mais existen outros mecanismos despersonalizadores máis importantes que os impostos en economía. Eses mecanismos actúan a traveso dunha man invisible. Ademais de guiar conduta o interese amansa feras: Cando a economía funciona o rencor disípase; cando non brota. E que sucede cando entran en xogo eses potentes motores políticos? Sucede que son postas en marcha as políticas das identidades: o rencor busca culpables.
Volvendo ao interese en As Paixóns e mailos Intereses fala Hirschman de como a partires dun determinado momento a ocupación das persoas polo mundano comercio comezou a ser vista como unha actividade xeradora de bondade. Un dos argumentos que se utilizou para defender esa bondade da ocupación polo crematístico era que a promoción do comercio facía aos príncipes menos proclives ao belicismo. O comercio entre nacións faría máis difícil entrar en guerra; a calma paixón pola renda afastaría aos príncipes doutras formas de afirmación persoal.
Efectivamente, semella que cando o comercio funciona e a actividade mercantil dá ocupación a calquera a paz reina; cando a economía colapsa buscamos inimigos aos que dirixir o noso rencor, a nosa mala baba. Mais podería ser este un relato non pouco mentireiro: a paz do comercio que esperaban os pensadores ilustrados foi tamén a do tráfico de escravos, a do xenocidio indíxena alí onde chegaron os imperios coloniais, a dos nenos traballando en minas de carbón. Foi necesaria unha reacción moral para conter unha forza cega desatada polo carto: o interese cega e deshumaniza, constrúe máquinas esmagadoras. Esa reacción moral falou de igualdade de dereitos, de fraternidade e máis de igualdade.

Hai moitos veos da ignorancia: mecanismos despersonalizadores que poden desencadean unha mestura de consecuencias, positivas ou negativas.

viernes, 3 de noviembre de 2017

mercado e arquitectura pública



Os uso de información privada por compañías tecnolóxicas adoita enfocarse como unha cuestión de dereitos individuais, e así é. Máis é tamén, e a min prodúceme unha maior vertixe, a dimensión ontolóxica do asunto.
Existe un modelo de David Laibson, A Cue Theory of Consumption, sobre estrutura de mercado, estímulos aditivos, e condicionamento condutual. Amosa ata que punto podemos devir radicalmente outros en función da estrutura dos incentivos que nos arrodean.
Está despois a charla de Zeynep Tufekci, programadora de orixe turca que ten devido en socióloga. Zeynep defende moi convincentemente que existe un conflito entre uso privado de algoritmos de condicionamento condutual, o poder que outorgan a quen os usa para condicionar a conduta de millóns de persoas e os seus efectos políticos. De feito, algo diso hai no hackeo ruso das últimas eleccións nos EUA. Dende unha perspectiva económica poderiamos dicir que eses algoritmos afectan de xeito desproporcionado ás preferencias dos consumidores.
A maioría dos algoritmos están programados para condicionar o volume e o prezo dos contratos realizados. Poden detectar, por exemplo, os momentos nos que unha persoa está en fase maníaca (todos temos algo de bipolares), ou ebria, para venderlle nese momento algo que noutras circunstancias non comprariamos.
Ela di que hai que facelos públicos para poder discutir sobre eles, mais a min a mera publicidade seméllame insuficiente ante a complexidade no funcionamento deses algoritmos. Os propios mercados, defende Mirowski, son algoritmos para a solución dun conflito de intereses entre compradores e vendedores; algoritmos ligados os uns aos outros nunha complexa rede. Así, os mercados de poxa se sitúan ao principio da cadea, como sucede nas lonxas de peixe e carne. Mais cando esa carne ou ese peixe chega á praza de abastos o sistema é outro: os compradores transitan por ese espazo público, camiñando de posto a posto, observando prezos e calidades. Co paso do tempo relaciónanse cunha peixeira de confianza que lles fai prezo.
como se constrúe unha vía pública ao longo da que poidan ser dispostos escaparates en internet? Como se constrúe unha identidade privada nese mesmo contexto? Onde están os mercados de poxa e onde as prazas de abastos? Como se relacionan?
O open access é utópico dado que en moitas ocasións non é posible entender o que eses algoritmos están a facer e non podemos recrutar un exército de vixiantes dos algoritmos. Porén o dominio público de determinados ámbitos podería ser unha boa cousa: a posibilidade de construír prazas de abastos on line, portos seguros contra a intrusión dos algoritmos privativos.

O certo é que algunha arquitectura pública é precisa.

martes, 31 de octubre de 2017

Laicismo e relixión.


Non me gusta facer profesión ningunha de fe, non me gusta evanxelizar nin ser evanxelizado. Onte un palizas intentouno comigo. Un orgulloso católico falando das milagres da virxe. Etcétera. O que escribo hoxe vai como descargo do que calei onte.
Son laico e ateo. Ao mesmo tempo penso que precisamos definirnos mediante algunha clase de doutrina: crer n'algo no sentido de estruturar a nosa vida mediante valores que ordenan o que está ben e o que está mal. Creo na igualdade, na fraternidade e na liberdade. Son os meus valores laicos. Para min Europa presta en tanto que berce deses valores.

Por outra banda fun criado no catolicismo: de neno rezaba o rosario, cantaba cancións e rezaba o noso pai antes de durmir. Hai cousas que me prestan do cristianismo: a idea do próximo como alguén totalmente estraño ao que debemos prestar atención; o momento do abandono na cruz, ese momento no que segundo Chesterton deus se fai ateo, a idea do ser humano abandonado por deus. Non creo en que haxa algo aí arriba, no ceo, ou aló abaixo nos infernos; creo que só contamos os uns cos outros aquí, que as comunidades que conformamos son todo o que temos. E que o mundo é unha mestura de ben e de mal, de cousas preciosas e horrendas. E para de contar.

sábado, 28 de octubre de 2017

Para todo o demais poética



Co paso dos anos unha das aprendizaxes que estou a apreciar máis é a dos hábitos bos. Os bos hábitos e as rutinas ben deseñadas son camiños pavimentados: non debemos recorrer a eles para calquera cousa mais para os tránsitos principais da vida axudan a chegar con tempo. A vontade propia, da que tanto gustan os pensadores románticos, é un combustible necesario mais cómpre economizalo. Ademais, os estados de ánimo son variables e as contrariedades cotiás frecuentes. Por iso penso que para algunhas cousas un bo hábito vale por mil boas intencións.

En segundo lugar están as boas ferramentas e as estruturas acaidas. Sempre fun trapalleiro e desorganizado, a miña tendencia natural é á desorde e ao descoido. Síntome moi cómodo no deixarme levar. Por iso agora compro cadernos – axenda, e vaime moi ben.
Para todo o demais poética.

viernes, 13 de octubre de 2017

nobel prize in marketing economics



Déronlle o Nobel a Thaler. É un economista orixinal e creativo. Foi moi importante na miña tese. Isto fai que me sinta na obriga de falar del malia que a complexidade do papel que ten xogado na economía condutual durante corenta anos fai que sexa difícil. Estiven a repasar os lugares nos que aparece na tese. Primeiramente falo del para describir os inicios da Economía condutual dado que o seu papel foi fundamental en tanto que promotor e estratega na súa difusión.
Porén, en tanto que teórico da conduta económica Thaler é importante por:
  1. Ser o primeiro en intentar integrar anomalías condutuais (dende unha perspectiva da racionalidade económica convencional) en modelos económicos marxinalistas.
  2. O seu traballo sobre inconsistencia temporal foi igualmente pioneiro. Chegar o primeiro é o que ten. Atento a toda anomalía existente Thaler deu co traballo do psicólogo Ainslie sobre desconto hiperbólico. O seu traballo será continuado con posterioridade por Loewenstein e Prelec e máis por Laibson (seguramente o meu economista condutual favorito).
  3. Por último, debe ser igualmente o primeiro economista condutual en abandonar o proxecto de integración de variables psicolóxicas en modelos convencionais (marxinalistas). Actualmente traballa en conceptos que lle permiten explicar fenómenos concretos que se afastan do marxinalismo. Un destes conceptos é o de nudge, ou empurrón. Define o seu traballo actual como o estudo dos humanos, por contraposición aos econs, que é o que estudarían os economistas convencionais (marxinalistas).

Eu son crítico coa súa obra, hai moitas cousas coas que estou en desacordo malia que recoñezo a súa importancia como pioneiro, a súa creatividade e afouteza. Intentemos ser sistemáticos:
  1. A súa concepción de racionalidade e do que a impide é debedora dunha parte da obra Kahneman e Tversky: o que representa a teoría das alternativas (Prospect Theory), que consiste na identificación da distancia entre a valoración subxectiva humana e aquilo que normativamente sería considerado como óptimo. A valoración subxectiva é de carácter hedónico (algo que a xente sinte no estómago cando é posta ante dúas alternativas). A valoración vese distorsionada polo medo á perda e polo punto de referencia (aquilo ao que estamos afeitos). Thaler continúa esta senda.
  2. É certo que esta modulación hedónica da valoración das alternativas que se afrontan ten consecuencias económicas importantes. Porén, a integración de variables psicolóxicas en economía non é posible cando se intentan integrar nos convencionais (marxinalistas de preferencia revelada). O máis famoso modelo de inconsistencia, o que ten acadado unha máis admirada integración dunha variable psicolóxica en economía é o de inconsistencia temporal mediante desconto hiperbólico de Laibson (1997). Con el é posible explicar mellor determinados fenómenos económicos de inconsistencia pero o que queren dicir os seus parámetros xa non ten que ver co fenómeno identificado por Ainslie de impaciencia relativa, nin sequera se podería dicir que ten un sentido unicamente psicolóxico.
    1. O primeiro problema reside en que cando adoptamos unha perspectiva económica e queremos explicar a relación entre consumo e aforro esta depende de formas de humanidade diversas, e non só da clase de humanidade que ten en mente Thaler. Dependendo do noso obxecto de estudo, o recurso á inconsistencia hedónica desenfoca a nosa visión analítica. Unha das cousas que amoso na tese é que estudar os motivos de afastamento do normativo non é unha forma correcta de achegarse ao que é a racionalidade humana. Non existe unha racionalidade normativa da que nos afastemos ocasionalmente debido á interferencia de emocións, da impaciencia ou do exceso de carga cognitiva. A nosa racionalidade é unha construción precaria que depende de xeito crítico da estrutura do medio, que estando aquelado axuda a realización das nosas metas e, de non ser así, supón un obstáculo. Neste punto os modelos condutuais continuadores dos primeiros modelos de Thaler erran, confundindo a conduta reflectida nos tests realizados por persoas en laboratorios coa conduta “in the wild”. Nisto hai que recoñecer que o último Thaler, coa súa énfase na estrutura do medio acerta. A min, para decatarme da importancia do medio como facilitador de racionalidade ten sido moi importante a lectura de Andy Clark e Alva Noë, tamén de Evan Thompson e outros filósofos da mente externalistas. Porén, a maioría dos economistas condutuais seguen a caer nese erro: pensar que somos sistematicamente irracionais, e que o único remedio é o da imposición de formas de contención da emoción, ataduras contra a impaciencia, ou de contrapesos en forma de incentivos que nos acheguen ao óptimo. É por iso que na tese lle dou tanta importancia ao traballo de Dupas e Robinson sobre petos de aforro en Kenya. Os dispositivos e as tecnoloxías das que nos valemos, como eses cerdiños de barro que serven como petos para o aforro, son tecnoloxías que modifican o noso grao de impaciencia relativa, que nos fan máis pacientes aínda que dende unha perspectiva hedónica (de laboratorio) non o sexamos.
    2. O segundo problema é consecuencia do anterior: o metodolóxico. Seguindo co tema da inconsistencia temporal, tan importante para os economistas condutuais, cando estudamos a relación entre aforro e consumo os problemas de inconsistencia non teñen só unha orixe psicolóxica: as relacións de xénero e os costumes, por poñer dous exemplos significativos, posúen tamén unha importancia capital. Disto decateime a traveso do traballo de Dupas e robinson (Why Don't the Poor Save More?). A xente non é unicamente inconsistente polo efecto da tentación presente: que o volume de aforro dependa das escollas económicas realizadas por unha unidade familiar fai que ás veces as relacións de poder entre a unidade aforradora (a muller que é a responsable do coidado) e a consumidora (o home, que ten máis tendencia a gastar hoxe) sexan as que determinen a capacidade aforradora desa familia. Esta é unha das cousas que suceden no estudo de Dupas e Robinson en Kenya. Existen, certamente, fenómenos de incontinencia como os descritos polos economistas condutuais, mais tamén é certo que as relacións de xénero están a actuar nese contexto cando estudamos as economías domésticas. Polo tanto, se queremos construír un modelo agregado que explique a relación de consumo e aforro ter en conta variables psicolóxicas non abonda.

En resumo, sospeito desa énfase nas inconsistencias debidas ás debilidades propias, ás miopías e ás paixóns humanas na súa indidivualidade. Ese gozo thaleriano no tratamento da humana incontinencia non me présta. Ese non falar das relacións de xénero como fonte de inconsistencia. A ausencia das relacións de poder, das formas de dominio, de desigualdade.