nobel prize in marketing economics
Déronlle
o Nobel a Thaler. É un economista orixinal
e creativo. Foi
moi importante na miña tese. Isto fai que me sinta na obriga de
falar del malia que a complexidade do papel que ten xogado na
economía condutual durante corenta anos fai que sexa difícil.
Estiven a repasar os lugares nos que aparece na tese. Primeiramente
falo del para describir os inicios da
Economía condutual dado que
o seu papel foi
fundamental en tanto que
promotor e
estratega na súa difusión.
Porén, en tanto que
teórico da conduta económica Thaler é importante por:
-
Ser o primeiro en intentar integrar anomalías condutuais (dende unha perspectiva da racionalidade económica convencional) en modelos económicos marxinalistas.
-
O seu traballo sobre inconsistencia temporal foi igualmente pioneiro. Chegar o primeiro é o que ten. Atento a toda anomalía existente Thaler deu co traballo do psicólogo Ainslie sobre desconto hiperbólico. O seu traballo será continuado con posterioridade por Loewenstein e Prelec e máis por Laibson (seguramente o meu economista condutual favorito).
-
Por último, debe ser igualmente o primeiro economista condutual en abandonar o proxecto de integración de variables psicolóxicas en modelos convencionais (marxinalistas). Actualmente traballa en conceptos que lle permiten explicar fenómenos concretos que se afastan do marxinalismo. Un destes conceptos é o de nudge, ou empurrón. Define o seu traballo actual como o estudo dos humanos, por contraposición aos econs, que é o que estudarían os economistas convencionais (marxinalistas).
Eu son crítico coa
súa obra, hai moitas cousas coas que estou en desacordo malia que
recoñezo a súa importancia como pioneiro, a súa creatividade e
afouteza. Intentemos ser sistemáticos:
-
A súa concepción de racionalidade e do que a impide é debedora dunha parte da obra Kahneman e Tversky: o que representa a teoría das alternativas (Prospect Theory), que consiste na identificación da distancia entre a valoración subxectiva humana e aquilo que normativamente sería considerado como óptimo. A valoración subxectiva é de carácter hedónico (algo que a xente sinte no estómago cando é posta ante dúas alternativas). A valoración vese distorsionada polo medo á perda e polo punto de referencia (aquilo ao que estamos afeitos). Thaler continúa esta senda.
-
É certo que esta modulación hedónica da valoración das alternativas que se afrontan ten consecuencias económicas importantes. Porén, a integración de variables psicolóxicas en economía non é posible cando se intentan integrar nos convencionais (marxinalistas de preferencia revelada). O máis famoso modelo de inconsistencia, o que ten acadado unha máis admirada integración dunha variable psicolóxica en economía é o de inconsistencia temporal mediante desconto hiperbólico de Laibson (1997). Con el é posible explicar mellor determinados fenómenos económicos de inconsistencia pero o que queren dicir os seus parámetros xa non ten que ver co fenómeno identificado por Ainslie de impaciencia relativa, nin sequera se podería dicir que ten un sentido unicamente psicolóxico.
-
O primeiro problema reside en que cando adoptamos unha perspectiva económica e queremos explicar a relación entre consumo e aforro esta depende de formas de humanidade diversas, e non só da clase de humanidade que ten en mente Thaler. Dependendo do noso obxecto de estudo, o recurso á inconsistencia hedónica desenfoca a nosa visión analítica. Unha das cousas que amoso na tese é que estudar os motivos de afastamento do normativo non é unha forma correcta de achegarse ao que é a racionalidade humana. Non existe unha racionalidade normativa da que nos afastemos ocasionalmente debido á interferencia de emocións, da impaciencia ou do exceso de carga cognitiva. A nosa racionalidade é unha construción precaria que depende de xeito crítico da estrutura do medio, que estando aquelado axuda a realización das nosas metas e, de non ser así, supón un obstáculo. Neste punto os modelos condutuais continuadores dos primeiros modelos de Thaler erran, confundindo a conduta reflectida nos tests realizados por persoas en laboratorios coa conduta “in the wild”. Nisto hai que recoñecer que o último Thaler, coa súa énfase na estrutura do medio acerta. A min, para decatarme da importancia do medio como facilitador de racionalidade ten sido moi importante a lectura de Andy Clark e Alva Noë, tamén de Evan Thompson e outros filósofos da mente externalistas. Porén, a maioría dos economistas condutuais seguen a caer nese erro: pensar que somos sistematicamente irracionais, e que o único remedio é o da imposición de formas de contención da emoción, ataduras contra a impaciencia, ou de contrapesos en forma de incentivos que nos acheguen ao óptimo. É por iso que na tese lle dou tanta importancia ao traballo de Dupas e Robinson sobre petos de aforro en Kenya. Os dispositivos e as tecnoloxías das que nos valemos, como eses cerdiños de barro que serven como petos para o aforro, son tecnoloxías que modifican o noso grao de impaciencia relativa, que nos fan máis pacientes aínda que dende unha perspectiva hedónica (de laboratorio) non o sexamos.
-
O segundo problema é consecuencia do anterior: o metodolóxico. Seguindo co tema da inconsistencia temporal, tan importante para os economistas condutuais, cando estudamos a relación entre aforro e consumo os problemas de inconsistencia non teñen só unha orixe psicolóxica: as relacións de xénero e os costumes, por poñer dous exemplos significativos, posúen tamén unha importancia capital. Disto decateime a traveso do traballo de Dupas e robinson (Why Don't the Poor Save More?). A xente non é unicamente inconsistente polo efecto da tentación presente: que o volume de aforro dependa das escollas económicas realizadas por unha unidade familiar fai que ás veces as relacións de poder entre a unidade aforradora (a muller que é a responsable do coidado) e a consumidora (o home, que ten máis tendencia a gastar hoxe) sexan as que determinen a capacidade aforradora desa familia. Esta é unha das cousas que suceden no estudo de Dupas e Robinson en Kenya. Existen, certamente, fenómenos de incontinencia como os descritos polos economistas condutuais, mais tamén é certo que as relacións de xénero están a actuar nese contexto cando estudamos as economías domésticas. Polo tanto, se queremos construír un modelo agregado que explique a relación de consumo e aforro ter en conta só variables psicolóxicas non abonda.
-
En
resumo, sospeito desa
énfase nas inconsistencias debidas ás debilidades propias, ás
miopías e ás paixóns humanas na súa indidivualidade. Ese gozo
thaleriano no
tratamento da humana incontinencia
non me présta.
Ese non falar das relacións de xénero como fonte de inconsistencia.
A ausencia das relacións de poder, das formas de dominio, de
desigualdade.
Comentarios
Publicar un comentario